(tamén dispoñible en Castelán, Català, Euskara, Francés, Inglés y Xaponés)
http://www.w3.org -- 27 outubro 2004 -- A Oficina Española do W3C organiza, do 3 ao 26 de novembro de 2004, a súa primeira Xira Estándares W3C por dez centros universitarios co obxectivo de dar a coñecer o labor do W3C e promover o uso e a adopción das súas tecnoloxías. A Xira consiste nun percorrido cun autobús respectuoso co medio ambiente, que realizará paradas de entre un e tres días de duración en dez centros universitarios. O autobús conta con facilidades de acceso para persoas discapacitadas, catorce equipos multimedia en que estarán dispoñibles demostracións das tecnoloxías do W3C e equipamento para proxeccións, videoconferencia e conectividade a Internet vía satélite. Así mesmo, terán lugar conferencias sobre as tecnoloxías do W3C e reunións co persoal investigador das universidades anfitrioas co obxectivo de establecer contactos con estas universidades.
A xira, que durará aproximadamente tres semanas, ofrece diversos eventos que estarán abertos ao público. As paradas terán lugar nas seguintes cidades:
"A pesar de que a utilización da Web é algo amplamente estendido en España, existen novas tecnoloxías que xurdirán no futuro. O autobús brinda unha grande oportunidade para coñecer esas novas tecnoloxías que están a aparecer", declarou Tim Berners-Lee, director do W3C.
"A nosa oficina en España está a realizar actividades moi novidosas", dixo Ivan Herman, director de oficinas do W3C. "Tanto a Xira dos Estándares como o Premio á Estandarización Web son oportunidades únicas para o W3C e para a comunidade técnica española para establecer relacións duradeiras e produtivas".
"É estupendo ver a gran cantidade de novos traballos en relación co desenvolvemento Web que están a xurdir en España", declarou José Manuel Alonso, responsable da Oficina Española do W3C. "O W3C promove e apoia a adopción dos seus estándares e tecnoloxías tanto no ámbito empresarial como no académico en España".
A Xira Estándares W3C, organizada pola Oficina Española do W3C, conta co patrocinio de Red.es e da Fundación CTIC , e coa colaboración de Software AG España, TeleCable, Fundación ONCE e Centro de Estudios Garrigues.
Tanto investigadores como outros participantes do sector empresarial están convidados ao Seminario sobre Multimodalidade Web, que terá lugar na parada que se realizará en Madrid, onde relatores procedentes de organizacións españolas membros do W3C e do Equipo do W3C presentarán o traballo realizado pola Actividade de Interacción Multimodal do W3C. O Seminario está financiado polo Programa IST da Comisión Europea como parte do proxecto de Interacción Multimodal Web (MWeb).
O Primeiro Premio W3C á Estandarización Web é unha iniciativa da Oficina Española do W3C que terá lugar paralelamente á Xira Estándares W3C. Este Primeiro Premio pretende promover a adopción e utilización dos estándares W3C entre os universitarios concedendo un premio ao mellor prototipo que integre, da maneira máis creativa, algunha das tecnoloxías do W3C nas áreas de Web Semántica, Independencia de Dispositivo, Voz y Multimodalidade. O premio terá un único gañador final que será seleccionado por membros do W3C Team entre dez finalistas.
O autor do prototipo gañador obterá unha bolsa de investigación aplicada para desenvolver un proxecto completo baseado no prototipo seleccionado, na Fundación CTIC situada en Xixón, Asturias, España. Os cinco mellores finalistas obterán igualmente un ordenador portátil, cortesía de Red.es e Acer. O gañador final será anunciado nunha cerimonia de presentación que terá lugar en Asturias a comezos de 2005.
Inaugurada en outubro de 2003, a Oficina Española está albergada pola Fundación CTIC, situada no Parque Científivo Tecnolóxico de Xixón, Asturias. A Fundación CTIC é unha organización sen ánimo de lucro que leva a cabo e difunde investigación aplicada en tecnoloxías da información. Para obter máis información visite http://www.w3c.es.
As Oficinas del W3C do W3C colaboran nos esforzos de promoción nos idiomas locais, axudan a ampliar a base xeográfica do W3C e fomentan a participación internacional nas actividades do W3C. O W3C ten actualmente 14 oficinas en Australia, Países Baixos, Alemaña-Austria, Finlandia, Grecia, Hong-Kong, Hungría, Israel, Italia, Corea, Marrocos, España, Suecia e o Reino Unido-Irlanda.
O W3C foi creado para guiar a Web cara ao seu potencial máximo mediante o desenvolvemento de protocolos comúns que promovan a súa evolución e garantan a interoperatividade. Trátase dun consorcio da industria internacional xestionado conxuntamente polo Laboratorio de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial do MIT (MIT CSAIL) en Estados Unidos, e o Consorcio Europeo para a Investigación en Informática e Matemáticas (ERCIM) en Francia, e a Universidade de Keio en Xapón. Os servizos que proporciona o Consorcio inclúen un arquivo de información sobre o World Wide Web para desenvolvedores e usuarios, e varios prototipos e aplicacións de exemplo para demostrar o uso destas novas tecnoloxías. Até a data, preto de 400 organizacións son Membros do Consorcio. Para obter máis información visite http://www.w3.org